Homo Sapiens, transmisor de coñecemento

 

Dende o 18 de xaneiro de 2019 pódese visitar no Museo Pedagóxico de Galicia a exposición Homo Sapiens, transmisor de coñecemento, que ten o  obxectivo de dar visibilidade e poñer en valor o patrimonio histórico educativo que actualmente custodian os Institutos Históricos de Galicia.

 

Homo Sapiens

O ano 2018 foi designado como o Ano Europeo do Patrimonio Cultural pola Comisión Europea. En xaneiro dese ano, o Parlamento Europeo iniciou a proposta coa finalidade principal de valorar o patrimonio cultural e dar a coñecer a súa diversidade a todos os niveis. O Museo Pedagóxico de Galicia súmase a esta iniciativa con esta exposición temporal.Tomando como fío condutor o ser humano como investigador e transmisor de coñecemento, na mostra exhíbense un total de 42 pezas de carácter científico, artístico, didáctico ou simplemente funcional con valor histórico e que, sen dúbida, forman parte do patrimonio cultural da nosa comunidade.

Homo Sapiens, transmisor de coñecemento vai acompañado dunha programación didáctica que interesará aos docentes que queiran ampliar a visita á exposición cunha proposta de actividades para realizar na aula antes e despois da visita. As actividades están adaptadas por nivel e etapa educativa e abordan contidos relacionados cun gran número de materias debido ao carácter multidisciplinar das pezas expostas. Pinchando nos seguintes enlaces, pódense consultar as citadas actividades acompañadas do marco legal correspondente:

Educación Infantil

1º e 2º de Educación Primaria

3º e 4º de Educación Primaria

5º e 6º de Educación Primaria

Educación Secundaria

 

 

O catálogo da exposición estará dispoñible na Libraría Institucional da Xunta de Galicia.

Agardamos que a exposición, xunto coa proposta didáctica, sexan do seu interese e agrado.