MUPEDUCA: Proxecto de colaboración con centros educativos

Mupeduca

As visitas a museos ocupan gran parte das actividades programadas polos centros de ensino cando teñen que saír da aula. Ao comezo do curso escolar a información que chega aos centros dos museos e outros espazos patrimoniais, tanto culturais como naturais, ofrecendo os seus servizos é enorme.

Os museos, e o Museo Pedagóxico de Galicia en particular, van evolucionando ante os novos retos da sociedade, ante a nova educación, e por iso ofrecemos esta nova vía de comunicación de traballo de innovación.

Dende o museo queremos cambiar esa dirección única de comunicación e que sexa bidireccional. Non só queremos ofertar nós as actividades, visitas, propostas didácticas relacionadas coas exposicións do museo. Queremos que sexades vós, os docentes, os que nos propoñades as vosas ideas. Ofrecemos unha forma de colaboración entre a túa aula, entre o centro e o museo. Unha forma de traballar para crear novas experiencias, para chegar a coñecer a nosa historia e o noso patrimonio. Nós xa ofrecemos unha vía, un camiño... Pero, por que non ir por outra estrada?

Queres vir cos teus alumnos, para recrear/ interpretar nunha aula antiga, como era a educación de antes?

Fixéstedes un proxecto de investigación sobre calquer tema relacionado co noso museo e queredes vir procurar información?, traballades os xogos tradicionais na aula e queredes vir a xogar con eles? ...

Plantexádenos a vosa idea e colaboraremos para levala a cabo.