Presentación

Aspectos xerais

O Museo Pedagóxico de Galicia é un centro específico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destinado a recuperar, salvagardar, estudar, mostrar e difundir todas aquelas expresións educativas que poñan de manifesto a variedade e riqueza do patrimonio pedagóxico de Galicia, posibilitando así a súa catalogación, sistematización e custodia. Deste xeito asegurarase a súa permanencia no tempo, fomentarase a súa indagación científica e propiciarase a súa transmisión como legado vivo e en emerxencia continua ao acervo cultural de Galicia.

O Consello da Xunta de Galicia acordou o 26 de outubro de 2006 o recoñecemento do Museo Pedagóxico de Galicia como museo de contido pedagóxico e cientifico-técnico de ámbito autonómico galego.

 

Fundación e inaguración

O Museo Pedagóxico de Galicia foi creado mediante o Decreto 268/2000, do 2 de novembro (DOG nº 219 do 13 de novembro), a proposta da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
Con esta iniciativa retómase e actualízase o testemuño histórico, datado en 1926, da fundación dun centro museístico de cobertura territorial galega, especializado en materia educativa. Coa memoria posta nos seus devanceiros, pero coa ollada sempre atenta ao presente e o firme compromiso cos novos retos do porvir, desde o Museo Pedagóxico preténdese renderlles homenaxe a cantos mergullados no labor silandeiro e fecundo do día a día fixeron, fan e farán posible a educación das xentes de Galicia.
A sede actual do museo foi inaugurada o día 21 de outubro de 2004 polo Sr. Presidente da Xunta de Galicia, nun acto ao que asistiron numerosas personalidades do mundo da educación, da cultura, da política e da sociedade en xeral.

Finalidade

O Museo Pedagóxico de Galicia ten por finalidade promover e desenvolver a recuperación, salvagarda, estudo, mostra e difusión do legado pedagóxico da Comunidade Autónoma Galega.

Obxectivos

  • Recuperación, conservación, estudo e mostra daquelas producións e bens patrimoniais de interese para a historia da educación e a memoria colectiva da Comunidade Galega.
  • Especial atención ás realizacións educativas en lingua galega e ás referentes ao ensino da lingua e da cultura galegas.
  • Constitución dun centro documental e de recursos pedagóxicos que fornezan de instrumentos heurísticos e faciliten o estudo e a difusión da educación en Galicia na súa historia, actualidade e prospectiva.
  • Realización de mostras educativas temporais e permanentes con fondos propios e alleos.
  • Promoción de proxectos, publicacións e outras actividades para recuperar a memoria educativa de Galicia e dinamizar a súa realidade pedagóxica.

Funcións

  • Programar e realizar exposicións relacionadas cos distintos ámbitos sectoriais do mundo da educación e da pedagoxía en Galicia.
  • Potenciar e incentivar a investigación e a innovación pedagóxicas.
  • Colaborar na formación e actualización pedagóxicas dos profesionais da educación.
  • Elaborar bases de datos sobre a educación na Comunidade Autónoma galega.
  • Recadar, catalogar, custodiar e difundir as producións nas que se obxectivan a memoria e a actualidade educativas de Galicia.
  • Deseñar e preparar unidades didácticas e materiais educativos de seu.
  • Manter relacións de intercambio e colaboración con outros centros análogos.
  • Actuar como axente vertebrador e coordinador doutros espazos museísticos de temática educativa existentes en Galicia.
  • Dotar unha biblioteca especializada en museísmo pedagóxico.
  • Promover a realización e difusión de publicacións específicas sobre os seus proxectos e actividades.
  • Impulsar a celebración de encontros sobre o museísmo pedagóxico e a recuperación da memoria educativa galega.
  • Propoñerlle á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP o asinamento de convenios con outras institucións públicas e privadas.
  • Colaborar na realización de estudos, informes e investigacións sobre a educación e a infancia en Galicia.
  • Outras iniciativas e accións no marco do seu obxecto específico.
    obradoiro Mupega