O Mundo nas mans. Cartografía Escolar dos séculos XIX e XX

O mundo nas mans

Desde o día 5 de febreiro de 2016 ata xuño do 2018, o MUPEGA mostra a unha exposición dedicada á cartografía escolar dos séculos XIX e XX. Nela aparecen materiais didácticos e curiosidades relacionadas coa xeografía e a cartografía escolar. Mostra inaugurada polo Sr. Presidente da Xunta, D.Alberto Núñez Feijoo (ver nova da Exposición nesta ligazón)

No ano 1916 o profesor da Escola Normal de Pontevedra e futuro director da de Santiago, José María Crespo Rodríguez, editaba o libro Nociones de Geografía de Galicia, considerado o primeiro manual de Xeografía dedicado de maneira específica a Galicia. Exactamente cen anos antes Domingo Fontán iniciara no pombal do pazo de Sobrecarreira os exercicios preliminares para a confección da súa Carta Geométrica de Galicia.


Con motivo dos respectivos centenario e bicentenario, e dentro da programación do Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), inaugúrase a exposición temporal O mundo nas mansCartografía escolar dos séculos XIX e XX na que se amosa, ademais do libro e do mapa nomeados, unha escolma de 66 pezas relacionadas coa cartografía e as disciplinas que a empregaban como medio didáctico. No seguinte enlace pódese atopar toda a información sobre a exposición.

O mundo nas mans vai acompañado dun Programa de Actividades Didácticas dirixidas ós centros que queiran descubrir o MUPEGA dende outra dimensión, a través da súa Exposición Temporal. Estas actividades están pensadas para axudar ós rapaces e rapazas a coñecer os mapas e os principios da cartografía a través das actividades lúdicas e dos obradoiros que están programados e adaptados para todas as etapas educativas. Picando nos seguintes enlaces, segundo o nivel educativo, pódense descargar as programacións

Educación Infantil
1º e 2º E.Primaria
3º e 4º E.Primaria
5º e 6º E Primaria
Educación Secundaria

 

Tamén pódese acceder ao catálogo da mesma a través do seguinte enlace á Libraría Institucional da Xunta de Galicia:

O mundo nas mans. Catálogo da exposición

O mundo nas mans constitúe un manifesto de que co traballo e o esforzo do equipo do museo é posible pór en marcha proxectos deste tipo, que fan vivo o Mupega e que poñen en valor o rico patrimonio histórico-educativo que alberga nos seus fondos, promovendo deste xeito a súa recuperación e difusión.