Santiago. Peregrinación, cidade, escola

Santiago. Peregrinación, cidade, escola

O Museo Pedagóxico de Galicia abre as portas á exposición "Santiago. Peregrinación, cidade, escola" na que amosa as relacións entre a escola, o fenómeno xacobeo e a cidade de Compostela.

 

vitrina

Dende o 28 de decembro de 2021 ata o 31 de xaneiro de 2023 o Museo Pedagóxico de Galicia acolle a exposición "Santiago. Peregrinación, cidade, escola" amosando as relacións entre a escola, o fenómeno xacobeo e a cidade de Compostela.

A mostra presenta unha escolma de máis de 70 pezas, na súa maioría procedente de centros educativos e que forman parta do fondo do Museo Pedagóxico de Galicia na actualidade, articuladas en torno a dous eixes principais:

O primeiro xira en torno aos materiais escolares e a propia historia da educación ao longo do camiño de Santiago. Preséntanse así diversos materiais escolares nos que se recolle a figura de Santiago ou ben distintos aspectos do camiño representados cun fin educativo e pedagóxico.

O segundo eixe fai referencia ás institucións educativas que alberga a cidade meta da peregrinación: Santiago de Compostela. Unha representación, sempre incompleta, da educación en diversas institucións: Universidade, Seminario e centros educativos.

Con esta exposición o museo súmase ás celebracións do Xacobeo 2021-2022 ao tempo que recupera e pon en valor pezas do ámbito docente, moitas delas nunca mostradas ao público.