"Brétemas Mariñás" de Celestino Luís Crespo y Crespo.

A publicación, en 1946, de "Brétemas Mariñás" resulta especialmente relevante tendo en conta o contexto político-social da época. Trátase do primeiro libro de poesía en galego despois da Guerra Civil. A publicación tivo boa acollida por parte dos emigrados a Bos Aires, tendo unha recensión na revista de Betanzos no ano 1947, acompañada do poema "Os rumorosos".

É a única obra que edita Crespo pese a ter moitos máis poemas e manifestar a intención de escribir dous libros a maiores.

O libro estrutúrase en cinco apartados: "Os rumorosos", "Recordo", "Rimas", "A ti" e "Pasou un recordo". En todos eles aprécianse influencias de Pondal e Rosalía e aborda temáticas diversas que van dende o clásico "Tempus Fugit" pasando pola intimista, amorosa, o orgullo da raza, a emigración ou a morte.

Celestino Luís Crespo y Crespo naceu o 1 de novembro de 1913 na rúa Linares Rivas en Betanzos, onde viviría até o seu traslado a Santiago de Compostela. Estudou Maxisterio na Coruña, onde exercerá os primeiros anos da súa carreira profesional. Cando se traslada a Santiago de Compostela comeza a traballar na “Escuela Graduada Aneja á Escola normal de Maxisterio López Ferreiro” (1 de setembro 1955). En Santiago únese á asociación cultural Cantigas e Agarimos e comeza a traballar no Correo Gallego, máis concretamente no xornal “La Noche”, realizando diversos números extraordinarios.

Entablou relación con diferentes grupos de intelectuais, sendo frecuente velo nas tertulias do Café Español e La Noche e chega a formar parte dun grupo que Otero Pedrayo chamou "Os Catorce de Osebe".

"Brétemas Mariñás" de Celestino Luís Crespo y Crespo.

 

Libro Brétemas Mariñás