María Barbeito Cerviño, pedagoga, tradutora, lingüista, escritora e profesora galega. Foi unha innovadora educativa introducindo en Galicia os principios do método Montessori; loitou polo bilingüismo educativo e pola igualdade da muller na educación. No ano 1933 convértese nunha das primeiras mulleres en acadar un posto en inspección educativa.
María Barbeito foi, sen dúbida, todo un referente no ámbito educativo galego. No libro "María Barbeito unha vida ao servizo da escola e dos escolares", a súa escritora, Ana Romero Masiá, realiza un amplo estudo histórico-biográfico da súa vida. Unha obra imprescindible para todos aqueles que se queiran mergullar na traxectoria desta muller pioneira na educación galega.