A exposición temporal "Educación, Xénero e Lectura" foi inaugurada o pasado 26 de maio no Museo Pedagóxico de Galicia. A mostra fai un repaso á cuestión da discriminación de xénero dende mediados do século XIX, amosando como os manuais escolares e outros textos de ensino-aprendizaxe foron utilizados como recursos orientados a moldear a infancia con discriminación de xénero. Ao mesmo tempo aparecen recollidos os distintos procesos e iniciativas culturais, sociais e pedagóxicas referentes a dinámicas alternativas e decisivas na superación dos estereotipos e discriminacións.
A través dun itinerario visual que percorre a través de libros, recursos escolares, obxectos significativos, fotografías ou cartelística, a exposición pretende introducir ás persoas visitantes nun escenario de discriminacións pero tamén de dinámicas e conquistas transformadoras.
Comisariada pola profesora Rita Gradaílle e o profesor Antón Costa, a mostra é unha iniciativa promovida polo Grupo de Investigación SEPA-Interea da USC, que parte dunha exposición previa desenvolvida polo Centro de Estudios de Promoción de la Lectura y la Literatura Infantil (Universidad de Castilla La Mancha), materializada coa contribución técnica do Museo Pedagóxico de Galicia.