O pasado curso escolar o Museo Pedagóxico de Galicia puxo en marcha “A gabeta do MUPEGA”, un compendio de recursos dixitais para docentes pensado para achegar o museo aos centros educativos nun ano no que as restricións sanitarias dificultaban especialmente as actividades presenciais.
Neste curso 2021/2022 retomamos as actividades presenciais pero cremos tamén importante manter a nosa oferta dixital para aqueles grupos que por diferentes causas teñen dificultades para achegarse ao museo. Por iso ofertamos de novo “A gabeta do MUPEGA”, agora con moitos dos seus contidos renovados.
Con esta iniciativa pretendemos continuar a labor de difusión do noso patrimonio educativo galego achegando información ao alumnado sobre o museo: As escolas en distintos períodos da historia, os xoguetes e xogos tradicionais, a historia dalgunha das pezas do museo, actividades, etc.
Do mesmo xeito que o ano pasado, a Gabeta do MUPEGA ten dúas edicións distintas, unha pensada para Educación Primaria e outra para Secundaria. Ademais parte dos seus contidos iranse actualizando ao longo do curso e incorporando novidades.
A Gabeta do MUPEGA é un recurso gratuíto a disposición de tódolos centros e docentes que a soliciten. Para facelo tan só é preciso realizar a solicitude a través do seguinte formulario online:
https://mupega.edu.xunta.gal/visitas-e-actividades/recursos-dixitais-pa…