24/05/2022 - 08:07

Nova: O Día Internacional dos Museos reúne a varios centros museísticos de Santiago baixo o lema "O poder dos museos"

  • Museo do Pobo Galego, CGAC, Museo de Historia Natural, Museo Casa de la Troya, Fundación Eugenio Granell, Museo das
    Peregrinacións e de Santiago e Museo Pedagóxico de Galicia uníronse para conmemorar o Día Internacional dos Museos.

O pasado 18 de maio conmemorouse o Día Internacional dos Museos. Como ven acontecendo dende hai xa once anos, en Santiago de Compostela foron varias as institucións museísticas que se uniron para celebrar esta data: Museo do Pobo Galego, CGAC, Museo de Historia Natural, Museo Casa de la Troya, Fundación Eugenio Granell, Museo das Peregrinacións e de Santiago e Museo Pedagóxico de Galicia.
Neste 2022 a conmemoración virou en torno ao lema, proposto polo ICOM, "O poder dos museos" co que se quixo pór de relevo a importancia dos centros museísticos como espazos de reflexión, abertos tanto á análise do pasado como ás novas ideas, que serven de impulso na transformación do mundo que nos rodea.
Como parte da celebración, as institucións participantes realizaron unha acción conxunta que consistiu en despregar alfombras vermellas ante a entrada de cada unha delas. Unha intervención coa que simbolizar a forza e poder dos museos e destacar a súa presenza dentro do espazo público.
Ademáis desta intervención, cada un dos sete museos contou cunha programación especial ao longo de toda a semana. Así, no Museo Pedagóxico de Galicia sucedéronse dende o mércores ata o sábado varias actividades para tódolos públicos: unha escape room familiar, o espectáculo teatral "Xan Perillán e a maleta máxica" e unha ruta especial pola colección permanente do museo: "Camiño por andar". 

Peza destacada

Novas adquisicións

Actividades e obradoiros