O pasado día 18 de abril a familia Blanco, representada por D. Rafael Bermejo Blanco, fixo entrega a este museo dunha colección de manuscritos didácticos do profesor Casto Blanco Cabeza (1868-1955).
Nun sinxelo mais entrañable acto, a directora do Museo Pedagóxico de Galicia, D.ª Beatriz Seco González, manifestou aos doadores “o agradecemento desta institución pola decisión de depositar nela este legado de gran interese, para a súa custodia e difusión”.
O conxunto recolle máis de 150 leccións, apuntamentos e notas bibliográficas de xeometría, trigonometría, física, analítica, cálculo integral, etc., dunha exquisita realización no formal e de gran valor didáctico ao respecto dos seus contidos.
Casto Blanco Cabeza
Mestre en Tui entre 1891 e 1900, accede neste último ano a unha praza por oposición na Escola Normal de Santiago de Compostela (despois Facultade de Maxisterio e, na actualidade, de Ciencias da Educación). Será director do centro no período comprendido entre 1903 e 1905. Nesta época impulsará a creación dun Museo Pedagóxico Rexional (1926), xérmolo histórico do actual Museo Pedagóxico de Galicia. Previamente xa tivera varias experiencias de museísmo pedagóxico tanto na súa escola tudense, coma na Normal de Santiago.
Foi, ademais, moi activo no ámbito cultural, chegando a ser o vicepresidente do Ateneo compostelán, socio da Real Sociedade de Amigos do País de Santiago, e membro das Irmandades da Fala.
Trasladarase finalmente a Madrid, onde colaborará co Museo Pedagóxico Nacional, será membro do Real Consello de Instrución Pública e chegará a dirixir a Escola Normal de Madrid.