Os 12 museos xestionados pola Xunta de Galicia ofrecerán este ano unha “ambiciosa e competitiva” programación cun total de 68 exposicións despois de vivir un “gran” 2022, ao recuperar niveis de visitantes previos á pandemia -con preto de 400.000- e triplicar as cifras de visitantes de 2009.
Así o explicou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nun acto xunto aos equipos directivos dos museos e no que afirmou que se trata dunha programación “ampla, diversa e de calidade que resulta atractiva para o conxunto da cidadanía ao incluír propostas para todos os públicos”. “Os nosos museos non son alleos ao momento no que vivimos e por iso este ano fan unha aposta decidida polos novos formatos, contidos e ferramentas dixitais para consolidarse como dispositivos culturais útiles e valorados pola sociedade”.
Dentro destes proxectos expositivos o Museo Pedagóxico de Galicia ten previstas dúas mostras ao longo deste 2023. A primeira delas, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, estará centrada na educación, xénero e lectura, mentres que a segunda homenaxeará a Francisco Fernández del Riego no marco da celebración das Letras Galegas 2023.