O IES Otero Pedrayo de Ourense é un dos considerados Institutos Históricos de Galicia así como membro da rede de colaboración Rede MUPEGA. Como tal o centro é depositario de pezas pertencentes ao patrimonio histórico educativo de Galicia e é considerado extensión do Museo Pedagóxico de Galicia.
Dentro das accións de posta en valor deste patrimonio o instituto ven de levar a cabo un proxecto consistente na exposición da súa colección nos corredores e paraninfo do centro xunto con audioguías en diferentes idiomas elaboradas polo propio alumnado do IES.
No acto de presentación celebrado no centro estiveron presentes o Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; a Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; a Directora do Museo Pedagóxico de Galicia, Beatriz Seco; o Director do CFR de Ourense José Domínguez; e o Xefe Territorial da Consellería, José Fisteos.