O xogo da corda.

Na planta baixa do museo está exposta esta fotografía antiga na que se pode ver a un grupo de nenas xogando á corda mentres os nenos observan.

Os saltos acompáñanse de cancións, moitas veces de matiz estraño ou de lóxica disparatada. Unha desas cancións é a seguinte:

Unha, dole,

tele, catole,

quile, quilete,

estaba a raíña

no seu gabinete.

Díxolle o rei:

Vamos pra misa.

Dixo a raíña:

Non teño camisa.

Díxolle o rei:

Eu teño tres.

Dixo a raíña:

Empréstame unha.

Díxolle o rei:

Non teño ningunha.

Seguro que gardades na memoria algunha outra canción ou mesmo sabedes algunha que canten actualmente os nenos e nenas.

Remata o curso escolar 2019-2020.

Hoxe chega ao seu fin este estraño e anómalo curso escolar que, sen dúbida, non esqueceremos por moitas razóns. Un curso no que a necesidade levou a impoñer a distancia e os recursos tecnolóxicos substituíron aos mestres/as, aos xogos de patio e ao traballo colectivo na aula.

É certo que na vida todo é aprendizaxe e, ás veces, estas situacións nos axudan a medrar e a valorar todo o que temos na nosa vida cotiá.

Ben seguro que todos/as sentimos morriña lembrando os bos momentos da escola: a emoción de ver aos compañeiros/as e compartir con eles/as risos e enredos, a compaña dos mestres coas súas explicacións e palabras de alento, o ulido deses cadernos repletos de tinta e lapis... Tantas vivencias e recordos que se quedarán gardados para sempre na nosa memoria.

Dende o Mupega desexamos a todos os estudantes unhas felices vacacións, agardamos que recorden o fermoso de ir á escola e volten con enerxías renovadas o seguinte curso.

A calculadora Brunsviga.

A semana pasada publicamos un vídeo sobre a nosa exposición temporal: Homo Sapiens, trasmisor de coñecemento. Unha das pezas que máis gusta a pequenos e maiores dentro desta exposición é "A calculadora Brunsviga". 

Esta calculadora mecánica do 1920 procedente do IES Eusebio da Guarda permite realizar con exactitude as 4 operacións básicas.

As calculadoras mecánicas foron de grande utilidade en contornos comerciais e de contabilidade grazas a súa rapidez e fiabilidade. O seu uso nas aulas melloraba a formación do alumnado facilitando o seu acceso a traballos onde fose preciso o seu emprego. 

Nas visitas guiadas á exposición, o noso público non deixa de abraiarse polo ben que aínda traballa esta calculadora que conta con 100 anos de antigüididade.

Premendo no seguinte enlace podedes vela en funcionamento.

Vídeo calculadora Brunsviga.

Día Mundial do Medio Ambiente.

Hoxe en día, co emprego de internet e de recursos audiovisuais, os alumnos/as contan cunha ventá aberta ao mundo que permite visualizar os coñecementos dun xeito rápido e doado.

Esa labor foi xa realizada con anterioridade polas láminas educativas. Aquelas xurdían da imperiosa necesidade de poñer imaxe ás ensinanzas e así potenciar unha relación e un coñecemento máis directos do alumnado co mundo animal e vexetal evitando empregar grandes discursos descritivos que interferían negativamente na aprendizaxe.

Un exemplo disto o temos coas seguintes láminas:

Lámina Apis mellifica (Abella) de H. Jung, G. von Koch do 1910, procedente do IES Sánchez Cantón (Pontevedra). Forma parte da colección de Jung, Koch e Quentell e contaba cun “Folleto explicativo das novas láminas murais para a Zooloxía e a Botánica”, editado polo fabricante. Na lámina aparece representada por partes a anatomía da abella. O seu fondo negro permitía ao docente empregar xiz para acompañar ás súas explicacións, se o estimaba necesario.

Lámina Plantas medicinales deL. Valenti do 1955, procedente do IES Lucus Augusti (Lugo). Debido á demanda por parte de escolas de países de fala hispana, o editor milanés Vallardi abrirá a filial Vallardi Americana para abastecer ao novo mercado. O contido da lámina fai referencia a prantas agrupadas en función da súa utilidade para o ser humán como remedios naturais ou de valor terapéutico para a industria farmacéutica.

Estas pezas contan non só cun gran valor pedagóxico, senón tamén artístico polo xeito de elaboralas para a súa correcta realización e conservación.

As láminas educativas constitúen un dos elementos máis importantes e atractivos do fondo patrimonial do Mupega e dos nosos centros.

Exposición temporal

Antano non todos podían ir á escola e aínda menos facer estudos secundarios. Non só cambiou o acceso de todos e todas ao ensino, é evidente que tamén mudaron as materias que se ensinaban, as metodoloxías ou os materiais didácticos.

Con esta exposición poderase facer unha viaxe no tempo e ter unha idea máis clara de como podían ser as aulas dos institutos de finais do século XIX e principios do XX.

Invitámolos a unha primeira toma de contacto coa exposición "Homo sapiens, transmisor de coñecemento" visualizando o seguinte vídeo

Para máis información, poden consultar o seguinte enlace.

Agardamos velos novamente moi pronto para gozar tanto desta exposición como das que organicemos no futuro.

28 de maio "Día Internacional do Xogo".

O xogo é un elemento fundamental para un axeitado desenvolvemento do neno/a na infancia. 

Os xogos tradicionais forman parte da cultura de cada comunidade sendo trasmitidos de xeración en xeración, implicando esta trasmisión unha interrelación entre persoas adultas e nenos/as dun grande valor educativo.

O pobo galego foi quen de crear infinidade de maneiras de dar resposta as súas propias necesidades lúdicas, ao tempo que tivo a capacidade de trasmitir esas creacións ás novas xeracións. 

A imaxinación e a maña para a creación dos elementos de xogo e das súas regras básicas xa constituían en si mesmas un divertimento para os máis pequenos/as.

Un exemplo disto sería o xogo da "Porca". Para xogar cómpren uns seis xogadores , provistos de cadansúa moca. O terreo de xogo é un campo aberto. No seu centro faise un cortello, un furado o suficientemente amplo para que a porca (ou bóla) caiba nel.  Un xogador fai de porqueiro e lanzará a porca o máis lonxe posible, os demais tratarán de meter a porca no cortello co seu pau e o porqueiro tratará de impedilo. Quen logre metela, ocupará o lugar de porqueiro. 

Aínda que este xogo, coma a meirande parte dos xogos populares, pode presentar diferentes variantes en distintos puntos da nosa xeografía. 

"Xogar é coñecer o mundo que temos ao alcance da man, dos ollos, da imaxinación." Antón Cortizas (2008).

A inclusión para nenos e nenas.

Nestes días de confinamento ben seguro que nas familias tivestes a ocasión de aproveitar o tempo para aprender e pasalo ben todos xuntos. Os libros exerceron unha vez máis de amigos incondicionais axudándonos a pasar estes tempos revoltos do mellor xeito posible.

Durante toda a semana, estivemos destacando os conceptos de integración e inclusión nas nosas publicacións en redes, pero non podiamos esquecernos dos máis pequenos aos que tanto botamos en falta ver polo noso museo.

Por iso esta publicación é para vós, nenos e nenas. Queremos deixarvos unha selección de libros e recursos que vos axuden a comprender como se pode axudar a construír unha sociedade máis inclusiva e a poder aprezar a diversidade. Esperamos que sexa do voso interese:

1. Por catro esquiniñas de nada. Editorial Juventud. Un conto que nos fai entender como os pequenos cambios poden marcar a diferenza na vida de alguén.

2."Colección de contos con pictogramas da editorial Kalandraka en colaboración con BATA (Asociación Baión Tratamento do Autismo)". Colección de contos como: O coelliño branco, Os chivos, chivóns ... adaptados con pictogramas e texto.

3. Monstro Rosa.Editorial Apila. Co Monstro Rosa aprendemos que a diversidade é fermosa e está chea de cor.

4. O cazo de Lorenzo.Editorial Juventud. Lorenzo sofre moito porque carga co seu cazo, pero atopará xente que lle axudará a saber levalo....

5. "Os Bolechas e a a discapacidade" Conxunto de materias que, da man dos nosos queridos Bolechas, ensinan aos máis pequenos a vida das persoas con diversidade funcional.

https://www.lingua.gal/recursos/para-aprender-o-galego/_/aprendelo/contido_0128/bolechas-discapacidade

Guía adaptada con Pictogramas do Museo Pedagóxico de Galicia

No Mupega tiñamos ganas dende fai tempo de mellorar a accesibilidade do noso museo. Este ano 2020, a proposta do DIM "Museos pola igualdade, diversidade e inclusión" deunos pé a comenzar a realizar esas melloras. Por este motivo, creamos unha pequena guía con pictogramas (tanto en galego, como en castelán) co fin de facilitar a comprensión do noso museo para un público máis diverso.

Os pictogramas faciltan o acceso á información para persoas con diversidade funcional derivadas de diferentes patoloxías coma o TEA (Trastorno con Espectro Autista), trastornos neurolóxicos e comunicativos como poden ser a disfasia ou a afasia, discapacidade intelectual, etc.

Ademais de empregar a guía dentro do museo, pódese descargar ou visualizar con anterioridade para favorecer a anticipación e comprensión antes de realizar unha visita.

Trataremos de continuar facendo melloras neste sentido para facer que o museo sexa máis inclusivo e accesible para todos/as.

Guía adaptada con pictogramas do Mupega

Nova peza destacada no Mupega "Parchís Inclusivo".

Como xa comentamos onte, este ano 2020 o Día Internacional dos Museos celébrase en torno á temática da inclusión e a diversidade. Por esta razón decidimos seleccionar un obxecto do museo que define á perfección o concepto de inlusión: "O parchís inclusivo". 

As características e adaptacións que contén este xogo fan que sexa axeitado para xogar de forma conxunta tanto persoas videntes coma invidentes.

Se queredes coñecer máis sobre esta peza ou sobre as orixes do xogo do parchís podedes visitar a nosa sección "Peza destacada" ou visualizar o  vídeo que realizamos dende o museo.

Día Internacional dos Museos 2020

Dende hai varios anos, o Mupega viña realizando unha axenda de actividades variadas co fin de celebrar o Día Internacional dos Museos. Estas actividades estaban deseñadas para achegar ao público o noso museo dun xeito máis atractivo e dinámico. As circunstancias fixeron que este ano tanto o Mupega, como o resto dos museos, non poidamos celebrar este día como quixeramos.  Sen embargo, non imos desaproveitar a oportunidade de amosar o noso patrimonio a través dos recursos dixitais. Por este motivo, ao longo da semana iremos realizando publicacións na nosa web e redes sociais para festexar esta data tan sinalada que este 2020 leva por título "Museos pola igualdade, diversidade e inclusión".

Nesta ocasión comezaremos coa publicación do vídeo "O camiño da escola galega cara á inclusión",  que nos narra o importante papel que xogou a escola galega na inclusión educativa.

Agardamos que vos guste.