Visita do IES Antón Losada

Os alumnos de 1º e 2º da ESO e de FPB coñeceron a evolución da educación  realizando unha  visita guiada polo museo. Visitaron as tres plantas do museo para aprender a historia da nosa educación a través das aulas históricas, a aula de ferrado e a aula de indianos. Lembramos o mundo infantil observando diversos xogos e xoguetes e, como non, practicaron a escritura con pizarra e pizarrín na aula obradoiro. Todo un pracer rapaces/as! Agardamos que volvades axiña!

Obradoiro sobre a lúa no Mupega.

Comezamos o ano con moitas ganas de seguir aprendendo cousas novas. Por iso, realizaremos un obradoiro didáctico sobre un dos nosos astros máis queridos: a Lúa. No obradoiro contaremos cunha parte didáctica na que traballaremos diversos aspectos da lúa e cunha parte máis práctica na que realizaremos unha pequena tarefa manual.

Podedes inscrivirvos cubrindo o seguinte formulario ou enviando un correo electrónico a: museo.pedagoxico.galicia@edu.xunta.gal, incluíndo nome e apelidos do neno/a, data de nacemento e teléfono de contacto.

Visita do CEIP "Nosa Señora da Piedade".

Dende Vila de Cruces viñeron hoxe a coñecernos estes alumnos de 5º e 6º de Educación Primaria para poder aprender un chisco sobre a historia da nosa educación. Durante o tempo da visita guiada non pararon de atender e de facer preguntas sobre diferentes pezas. Gustoulles moito a nosa aula obradoiro e, por suposto, os recunchos adicados aos xoguetes. Foi unha visita do máis agradable e esperamos que volvan pronto por aquí. 

A máquina de escritura en Braille Perkins.

 A Organización de Nacións Unidas  proclamou o 4 de xaneiro o día mundial do Braille co fin de crear unha maior conciencia sobre a importancia deste sistema como medio de comunicación para a plena realización dos dereitos das persoas invidentes.

Esta data foi escollida pola súa coincidencia co nacemento do seu creador: Louis Braille (4 de xaneiro 1809, Francia).

O Braille é un sistema alfabético en relevo co que se poden representar as letras, números, signos de puntuación, linguaxe musical...

A máquina de escritura en Braille Perkins ,creada no ano 1951 por David Abraham, supuxo un gran avance para as persoas invidentes permitindo realizar a escritura en Braille dun xeito directo e cunha maior velocidade.

A nivel educativo é o aparello máis empregado nas escolas para a o desenvolvemento da escritura en Braille polos alumnos con deficiencia visual.

Obradoiro de Nadal

Que ben o pasamos o venres no noso obradoiro de Nadal! Cantas cousiñas fixemos! Coñecemos a historia de Martina, unha árbore a quen ninguén quería, realizamos a nosa propia árbore de Nadal e participamos no concurso de postais. O tempo pasou voando!!! Xa estamos desexando que chegue o seguinte...

Aproveitamos para dicir que nos vindeiros días publicaremos o nome do gañador/a do I Concurso de postais de Nadal do Mupega. Estade moi atentos.

OBRADOIRO DE NADAL