A Gabeta do Mupega do mes de Xaneiro.

No Mupega seguimos agardando con ilusión que chegue o día no que poidamos abrir as nosas portas novamente para os centros educativos. Mentres, a nosa Gabeta de recursos do Mupega segue sendo unha boa posibilidade para coñecer e traballar o noso museo dende o centro.
Solicitala non pode ser máis doado só tedes que envíar un correo electrónico a: museo.pedagoxico.galicia@edu.xunta.gal indicando nome e apelidos do solicitante, nome do centro de destino e interese en recibir a gabeta.
Este mes de xaneiro a Gabeta inclúe unha sección especial para traballar o Día da Paz na aula que conta, entre outras cousas, con un divertido rosco de "Pasapalabra da Paz" co que poderedes pasar un bo intre na aula. Por suposto todas as actividades que plantexamos están en galego. Non perdas a oportunidade de coñecernos!
Boa fin de semana compañeir@s!

Postal gañadora do "II Concurso de Postais de Nadal do Mupega"

Non foi tarefa doada seleccionar un gañador de todas as postais recibidas nesta convocatoria, pero finalmente a postal seleccionada foi a de Aroa Lareo Moar (8 anos) , quen foi capaz de unir axeitadamente os dous conceptos que pediamos: O Nadal e a Educación. Aroa tampouco se esqueceu da situación actual dotando aos personaxes do debuxo das máscaras que tan necesarias foron este curso e que nos lembra o gran labor e esforzo que realizan mestres e alumnos. Parabéns Aroa!

II Concurso de Postais de Nadal do Mupega

Un ano máis no Mupega solicitamos a colaboración dos máis pequenos da familia para realizar o Concurso de  Postais de Nadal do museo. Desta vez as circunstancias impiden que se poida celebrar de xeito presencial nas nosas instalacións, pero estaremos encantados de recibir as creacións dos nenos/as no noso correo electrónico.

Para participar cómpre realizar un debuxo en cor no que trataremos de unir dous conceptos: O Nadal e a Educación (xa que o Mupega é o museo da escola). Para inspirarvos podedes visitar a nosa páxina web, e as nosas redes sociais: Facebook , Youtube e Twitter.

Bases:

- O debuxo será realizado por nenos/as con idade igual ou inferior aos 12 anos.

- Deberá enviarse o debuxo escaneado a: museo.pedagoxico.galicia@edu.xunta.gal antes do 18 de Decembro de 2020 , xunto co nome e apelidos do concursante , data de nacemento e un teléfono de contacto.

- O nome e debuxo do gañador /gañadora publicarase na nosa web o 22 de decembro de 2020.

- O gañador/a será citado para recoller o seu premio deberá vir acompañado dun adulto responsable e terá que traer o debuxo orixinal que pasará a formar parte do fondo Mupega.

 

*A participación neste concurso implica a aceptación das bases do mesmo.

3 de decembro Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

A máquina de escritura en Braille Perkins, creada no ano 1951 por David Abraham, supuxo un gran avance para as persoas invidentes permitindo realizar a escritura en Braille dun xeito directo e cunha maior velocidade.

A nivel educativo é o aparello máis empregado nas escolas para a o desenvolvemento da escritura en Braille polos alumnos con deficiencia visual.

No seguinte enlace podedes visualizar un vídeo no que se pode ver a máquina en funcionamento.

Vídeo máquina Perkins

50 anos do pasamento de María Barbeito Cerviño.

María Barbeito Cerviño, pedagoga, tradutora, lingüista, escritora e profesora galega. Foi unha innovadora educativa introducindo en Galicia os principios do método Montessori; loitou polo bilingüismo educativo e pola igualdade da muller na educación. No ano 1933 convértese nunha das primeiras mulleres en acadar un posto en inspección educativa.

María Barbeito foi, sen dúbida, todo un referente no ámbito educativo galego. No libro "María Barbeito unha vida ao servizo da escola e dos escolares", a súa escritora, Ana Romero Masiá, realiza un amplo estudo histórico-biográfico da súa vida. Unha obra imprescindible para todos aqueles que se queiran mergullar na traxectoria desta muller pioneira na educación galega.

A Gabeta do Mupega

Xa foron moitos os centros que solicitaron a nosa gabeta de recursos para coñecer o Mupega. Este mes de novembro, as gabetas de primaria e secundaria inclúen unha sección especial na que falamos sobre as diferenzas educativas que houbo entre nenas e nenos ao longo dos anos. Este tema podería ser unha boa ferramenta na aula para traballar o concepto de igualdade entre xéneros, máis aínda tendo en conta que se achega o 25 de novembro "Día Mundial contra a Violencia Machista".
Lembrade que para solicitala só cómpre enviar un correo electrónico a: museo.pedagoxico.galicia@edu.xunta.gal indicando: o interese e recibir a gabeta de Secundaria ou Primaria, nome e apelidos da persoa solicitante, cargo que desempeña e nome do centro educativo no que traballa.
Ademais, ao cubrir a folla de valoración incluída na gabeta, podedes indicar o voso interese por continuar recibindo as actualizacións que se realicen no contido da mesma sen ter que solicitala novamente.
Non perdas a oportunidade de aprender sobre a nosa historia educativa dende o teu centro!

A Gabeta do Mupega

As actuais circunstacias sociosanitarias dificultan a posibilidade de realizar visitas ao museo por parte dos centros educativos. Conscientes desta problemática e do esforzo que os nosos docentes están a realizar desempeñando a súa labor cotiá, xurde a Gabeta do Mupega.

A Gabeta do Mupega é un conxunto de recursos dixitais que pretende dar a coñecer e maior profundidade o Mupega dende o propio centro educativo. Esta deseñada para que os docentes poidan adicar unha ou varias sesións a descubrir os aspectos máis relevantes da historia da educación na nosa comunidade sen necesidade de moverse da aula. A gabeta pode empregarse en substitución dunha visita ao museo, ou para complementar os coñecementos adquiridos dunha realizada con anterioridade.

Contamos con dúas gabetas, unha para Ensinanza Primaria e outra para Ensinanza Secundaria.

O contido da gabeta irase modificando e ampliando ao longo do curso para adaptarse a celebración de datas sinaladas ou para incluir novo material de interese.

Para solicitala cómpre enviar un correo electrónico a: museo.pedagoxico.galicia@edu.xunta.gal  indicando: o interese e recibir a gabeta de Secundaria ou Primaria, nome e apelidos da persoa solicitante, cargo que desempeña e nome do centro educativo no que traballa. 

Ademais, ao cubrir a folla de valoración incluída na gabeta, podedes indicar o voso interese por continuar recibindo as actualizacións que se realicen no contido da mesma sen ter que solicitala novamente.

Este mes de Outubro as nosas gabetas inclúen un especial Samaín.

Anímate a pasar un bo intre connosco!